Monday 29 de April de 2024

A mellora do proxecto de construción do novo depósito de auga de Cabeceira implica a necesidade de actualizar o convenio con Augas de Galicia


Este asunto foi sometido hoxe a ditame da Comisión Informativa e será elevado ao Pleno extraordinario que se celebrará o martes.

O Concello e Augas de Galicia teñen en vigor o convenio que permitirá a execución da fase 1 do proxecto de mellora da rede de abastecemento no termo municipal da Laracha. Inclúe a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións, o que implicará unha mellora substancial nas infraestruturas de abastecemento que garantirá o caudal neste servizo con visión tanto de presente, para continuar ampliando a cobertura en máis núcleos rurais, como de futuro, considerando o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar.

En dito convenio estipulábase que o orzamento da obra alcanzaría a cifra de 1.850.000 euros, dos cales Augas de Galicia achegaría o 80 % (1.480.000 euros) e o Concello, o 20 % (370.000 euros). A previsión era comezar as obras ao longo da anualidade 2022.

Ao proxecto inicial incorporáronse posteriormente unha serie de melloras necesarias ante as dificultades técnicas intrínsecas do mesmo, e tamén se incluíron no importe da adxudicación os gastos da certificación final da obra. Isto implicou un incremento no orzamento, que pasa a ser de 2.093.967,90 euros. O aumento do custe da obra será asumido na súa integridade por Augas de Galicia.
Así mesmo, e debido a que o prazo de execución das obras é de oito meses, a nova previsión é finalizalas na anualidade 2023 e que a liquidación se efectúe en 2024. Por tanto, a achega municipal que estaba consignada nos presupostos en vigor débese trasladar ao ano que vén. Isto supón que os 370.000 euros queden liberados das contas de 2022 para ser investidos antes de final de ano noutros proxectos e iniciativas de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Todas estas circunstancias levan consigo a necesidade de modificar o convenio entre o Concello e Augas de Galicia para adaptarse á nova realidade do proxecto, para o que se require do acordo da Corporación municipal. Este asunto foi sometido hoxe a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno e será elevado á sesión extraordinaria do Pleno que se celebrará o martes da próxima semana.
Cabe lembrar que o Concello xa adquiriu e puxo a disposición de Augas de Galicia o terreo necesario para a execución desta actuación, unha parcela de 4.158 metros cadrados de superficie localizada no lugar das Camposas da parroquia de Golmar.
Festivos Locais 2023

Tamén se elevará á sesión plenaria a proposta do goberno local para fixar os festivos locais de 2023 no 21 de febreiro (Martes de Entroido) e no 8 de setembro (Romaría dos Milagres de Caión).